Saturday 20 de April de 2024

O Concello aproba a Oferta de Emprego Público de 2022 con 100 prazas, 28 delas de acceso libre


A concelleira de Persoal, Marta Abal, deu conta en rolda de prensa da Oferta de Emprego Público de 2022, que foi aprobada onte en Xunta de Goberno local e que hoxe publica o Boletín Oficial da Provincia. Recolle un total de 100 prazas, das cales 28 se corresponden coa quenda libre, mentres que 72 son de promoción interna. A edila, que compareceu xunto ao director da Área de Réxime Interior e Persoal, Juan Carlos Porrúa, tamén informou do proceso de estabilización de emprego temporal, que afecta a un total de 92 prazas.

Segundo sinalou a concelleira, a oferta publicada hoxe é “unhas das máis importantes do Concello”, pois saen un total de 100 prazas, das cales 28 se correspoden coa quenda libre, “unha da máis numerosas”, e 72, coa promoción interna, “a máis numerosa, sen dúbida, e na que se atopan as prazas de bombeiros, persoal de informática e delineantes, demandas históricas nesta administración”, incidiu Abal.

A intención do goberno é convocar todos os procesos selectivos no vindeiro mes de xullo, tanto os de promoción interna, como os de estabilización e os de quenda libre. Por este último procedemento sairían arredor de 60 prazas, ao sumar ás 28 da OEP de 2022 as de anos anteriores. Apuntou o director de Área que os departamentos que se verán máis nutridos serán os de contratación, urbanismo e obras, aínda que “se beneficiará todo o Concello”. “Publicaranse as bases e faremos as convocatorias co obxectivo de ter os procesos finalizados en xuño de 2023”, apuntou a concelleira, que fixo fincapé na importancia destes procesos: “as administracións locais cada vez facemos máis con menos recursos humanos e sen equipo humano isto non funciona”.

Estabilización
Tamén no BOP de hoxe sae publicada a Oferta de Emprego Público derivada da habilitación efectuada para a estabilización do emprego temporal, en cumprimento do establecido pola Lei 20/2021, do 28 de decembro. Recolle 92 prazas (29 de laborais e 63 de funcionarios) “das cales 17 as creamos por riba da taxa de reposición”, sinalou Marta Abal, que lembrou que actualmente hai no Concello 163 persoas dun total de 615 (o 27%) en situación de temporalidade. “Unha vez rematados estes procesos selectivos, a temporalidade quedará reducidada a 71 efectivos, o 11%”. Cando finalicen os de acceso libre “a taxa situarase arredor do 5 ou 6%”, indicou, “co que acadaremos o obxectivo de reducir a temporalidade e rebaixala máis alá do 8% que establece a normativa estatal”.

Tanto a concelleira como o director de Área tiveron palabras de agradecemento para os sindicatos pola participación no proceso de estabilización. “Conlevou un traballo de campo importante no que colaboraron todas as organizacións sindicais”, indicou Porrúa.